Sunday 05 de May de 2024

O Concello pobrense oferta a segunda edición do curso de monitorado de ocio e tempo libre


Por segundo ano consecutivo, a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal organiza o curso de monitorado de ocio e tempo libre. Acompañada da orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, e do axente de emprego e desenvolvemento local, Luís Miguel Domínguez, a edil Amparo Cerecedo (BNG) manifestou que se volve apostar por esta formación debido a que na pasada convocatoria se contou “con moita participación.” Ademais, adiantou que a pretensión é solicitar un certificado de profesionalidade sobre esta materia, cuestión sobre a cal xa se está traballando.

O curso consta dun total de 350 horas lectivas, con parte teórica e práctica, na categoría semipresencial. As clases impartiranse do día 23 de abril ao 23 de xullo e a modalidade presencial transcorrerá nos sábados, en horario de 09.00 a 19.00 horas, na Casa da Mocidade.

A tarifa xeral é de 200 euros por alumna/o maila taxa de expedición do título e establécese unha serie de bonificacións acumulativas de 50 euros por distintas circunstancias: situación de desemprego, matrícula nunha titulación oficial, posesión do certificado de discapacidade, situación de risco ou exclusión social e realización do período de prácticas en actividades municipais.

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos e as solicitudes de participación presentaranse no rexistro do Concello, tanto físico coma telemático. Tamén se deberá achegar unha copia do DNI, do pasaporte ou do documento de identificación equivalente e acreditativo da nacionalidade da persoa aspirante; o título de graduada/o na ESO, o graduado/a escolar ou equivalente; o xustificante de pagamento do curso; e a documentación precisa para xustifica-lo acceso a cada unha das bonificacións.

O prazo para se anotar esténdese dende o día 29 de marzo ao 4 de abril, ambos inclusive. Estipúlase un máximo de 20 prazas que se cubrirán pola orde de entrada. A superación deste curso posibilitará acceder á formación de acompañante de transporte escolar e manipulación de alimentos.

Máis información no teléfono de contacto 981377610.